Nacido como un conxunto de arrabaldes e rúas esparexidos á entrada de Santiago polo Camiño Francés, San Pedro é un barrio case tan antigo como a propia cidade. O Camiño, polo que viñan os peregrinos pero tamén, e sobre todo, comerciantes, viaxeiros e labregos, marcou o seu desenvolvemento urbano e tamén o carácter das súas xentes, que aínda hoxe son acolledoras, dinámicas e un tanto cosmopolitas.
Este pasado reflíctese no trazado dalgunhas das súas rúas, dotadas desa monumentalidade que nace das xentes comúns, na súa personalidade marcada por unha forte identidade de barrio e na súa vitalidade.
É un pequeno microcosmos con sólidos negocios de proximidade, emprendementos innovadores, todo tipo de servizos e unha intensa vida social e cultural que fan posible vivir sen apenas ter que saír del.
Conta cunha web propia, cuxa realización foi financiada cos fondos FEDER a través do proxecto europeo Urbana Santiago Norte, www.barriosanpedro.eu.