Nota histórica

Santiago é un gran centro comercial aberto cunha tradición mercantil que se remonta á Idade Media e que fixo desta cidade un dos principais centros de mercado da rexión ao longo da historia.

Ao abeiro do fenómeno da peregrinación xurdiron na Compostela medieval moitas producións artesanais, na súa maioría destinadas ao consumo dos peregrinos: a vieira ou venera e os traballos en acibeche son só dous dos principais exemplos. Foi a través deses peregrinos chegados de todas as rexións de Europa que os artigos composteláns foron exportados a lugares moi afastados da nosa cidade.

Ese amplo desenvolvemento da artesanía medieval, vinculado á peregrinación, fomentou o xurdimento dun importante mercado cunha produción e circulación de bens de consumo cada vez máis ampla, que facilitou o desenvolvemento de Compostela como centro comercial medieval de primeira liña e como punto de referencia do comercio a longa distancia, especialmente de produtos de alto valor.

A inxente produción artesanal derivou na configuración dos gremios, que é decisiva para entender a evolución histórica, e nomeadamente comercial, da nosa cidade. Desta proliferación quedou un recordo permanente nos nomes das rúas, en topónimos como A Calderería, A Acibechería ou As Praterías, nomes estes dous últimos que lembran que Santiago, como cidade episcopal e con bo número de igrexas e capelas, tivo en séculos pasados unha gran demanda de obxectos para o culto, que se fabricaban e vendían nos obradoiros e comercios das súas rúas e prazas.

Da actividade comercial son testemuña, pola súa banda, algúns nomes de rúas tan evocadores coma O Franco, que parece referirse a unha zona franca ou libre de impostos, O Peso (na que se pesaban, e polo tanto taxaban, as mercadorías chegadas do campo, listas para o troco no mercado urbano) ou outros de clara resonancia mercantil, como A Pescadería Vella, ou non tan clara, como Mazarelos (Mercado Vello).

Peregrinos, comerciantes, artesáns e cambiadores formaban así parte fundamental da heteroxénea vida socioeconómica da Compostela medieval, pola que circulaba unha parte importante da riqueza da Europa do momento.

Co paso dos anos, o comercio compostelán asumiu o papel subministrador de novos produtos, e con eles de innovación. Foi nos escaparates e nos mostradores dos comercios onde os composteláns coñeceron por primeira vez os produtos chegados de América, os produtos ultramarinos, que deron nome a un tipo de establecemento moi característico que aínda sobrevive. E foi tamén nas tendas onde os veciños descubriron por vez primeira aqueles exóticos aparellos vinculados á modernidade: teléfonos, cámaras de fotos, lámpadas, radios e televisores.

Hoxe o comercio de Santiago segue a ofrecer, coma sempre, tradición e modernidade, e continúa proxectando cara ao mundo, como hai séculos, os nosos produtos, de Santiago e de Galicia, en gran parte grazas ás compras que fan os que nos visitan. Mergullarse nas súas tendas permítenos afondar no coñecemento da idiosincrasia da nosa cidade.



Configuración actual

En contra do que acontece noutras cidades, nas que os comercios están maioritariamente concentrados nunha única zona céntrica (que comprende unha ou varias rúas claramente enfocadas ás compras) e máis nas grandes superficies comerciais das periferias, Santiago dispón de varias áreas comerciais ben delimitadas que foron adquirindo co crecemento da cidade as súas propias peculiaridades.

A oferta comercial da cidade complétase co Mercado de Abastos, grandes superficies comerciais como Área Central, As Cancelas e o Centro Comercial Compostela, o polígono da Costa Vella, así como cos mercados periódicos que se celebran na cidade.



* Textos elaborados a partir das publicacións:
- Guía de compras de Santiago de Compostela (Turismo de Santiago)
- Guías Revive o barrio. Urbana Santiago Norte






Compartir: