15/12/2022 A partir de mañá todos aqueles establecementos que o desexen poderán presentar os seus escaparates decorados con motivos de Nadal a este concurso e optar por un dos seis premios económicos. Con esta iniciativa preténdese atraer a atención da clientela e aumentar así o consumo e as ventas durante este período vacacional. Tamén arranca mañá o prazo de inscrición no I Concurso de Decoración de Nadal Veciñal que recompensará as vivendas particulares coas fachadas, balcóns e xardíns mellor decorados.

O BOP acaba de publicar hoxe as bases das convocatorias do "Concurso de Decoración de Nadal Veciñal" e do "Concurso de Escaparates de Nadal", iniciativas do Concello de Santiago. Trátase de dúas accións impulsadas polo departamento de Comercio e a concellaría de Relacións Veciñais coas que se busca recoñecer e premiar económicamente o esforzo decorativo tanto da veciñanza a nivel individual coma do comercio local, pola súa contribución á imaxe da cidade como punto de atracción para veciñanza e visitantes.

Para o concurso de escaparatismo, destinarase un importe total de 6.950 euros que serán repartidos da seguinte maneira: 2.000 € para o primeiro establecemento clasificado; 1.500 euros para o segundo, 1.200 € para o terceiro, 1.000 euros para o cuarto, 750 euros para a quinta posición e 500 euros para a sexta posición. No concurso de Nadal Veciñal repartiráse entre os gañadores e gañadoras catro premios de 500 euros.

O prazo de presentación de solicitudes para ambos os dous concursos comezará mañá, día 16 de decembro e rematará o día 19 de decembro de 2022. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica do Concello de Santiago ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais.

Nos dous concursos, a proposta ornamental deberá estar exposta dende o vindeiro 22 de decembro ata o día 6 de xaneiro de 2023. De cara á decisión final, os concursantes terán que enviar, antes do 25 de decembro, dúas fotos do escarapate adornado ao mail comercio@santiagodecompostela.gal ou da decoración realizada a relacionsvecinais@santiagodecompostela.gal.

O escaparate gañador será elixido por un xurado, presidido polo propio alcalde e composto por cinco membros vogais, que fará unha valoración das propostas presentadas polos establecementos en función da súa capacidade de atracción, orixinalidade e composición, o emprego dos propios produtos e da súa sustentabilidade.

No caso da decoración das vivendas, valorarase a creatividade dos concursantes en base aos criterios de composición e deseño, a orixinalidade e a elaboración propia. Tamén se terá en conta a utilización da iluminación como foco de atracción e o uso de materiais de refugallo. O propio alcalde anunciou que na tarde de hoxe achegarase ao Castiñeiriño para visitar algunha das propostas de decoración creadas pola veciñanza do barrio.



Ligazóns




Compartir: