05/12/2022 Ás 13:37h expediuse o último bono da campaña dos Bonos Corazón Compostela. Con el son xa un total de 44.154 bonos por valor de 3.125.000 euros dos que, polo de agora, xa foron consumidos máis de un millón e medio. Unha boa nova "para o comercio, a hostalaría e toda a cidade" explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que insiste en que "se trata de inversións que se reteñen na propia cidade, que incentivan o consumo no comercio de proximidade e supón unha axuda ás familias fronte a suba de prezos".

Ata o 31 de decembro se poderá gastar o millón e medio que resta, logo de que en Xunta de Goberno se aprobara unha ampliación do prazo para usar estes bonos aos que hai adheridos case 500 comercios e 84 establecementos de hostalaría o que supón "practicamente todo o comercio e boa parte da hostalaría da cidade".

A finalidade do programa de "Bonos Corazón Compostela" é dobre. Por unha banda incentivar a demanda axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo no comercio e hostalería de Santiago. E por outra, impulsar e fortalecer o sector comercial e hostaleiro do municipio; dinamizar a actividade económica promovendo as compras de bens e servizos; e reducir o impacto económico da crise que afecta ao sector.

Unha medida de apoio ao consumo e ás economías domésticas á que se suman os bonos parking cos que a clientela do comercio local pode aparcar de balde nos aparcadoiros da cidade.






Compartir: