16/11/2022 A Feira Creativa de Agasallos celebrarase en San Martiño Pinario e no 2º andar do Centro Obra Social Abanca na praza de Cervantes e levará aparalleda obradoiros e gardería ludoteca para a cativada. A programación completarase coa oferta musical e gastronómica na praza 8 de marzo e na pista cuberta do Centro Don Bosco. A que será a 11ª edición do festival do talento galego, foi presentada esta mañá polo concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, a directora do evento, Mónica Mejías, e a xerente da Fundación de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

O Mercado da Estrela é un festival urbán de Nadal no que as persoas creadoras de Galicia amosan o froito do seu talento nas vésperas das festas para que os visitantes desfruten das súas creacións, pezas, produtos, elaboracións e composicións durante o evento ou as convirtan en orixinais e innovadores agasallos adquiridos baixo o selo de #talentogalego.

Posicionado como centro neurálxico en Galicia para as compras, os reencontros e os brindes na semana previa a Noiteboa, o Mercado da Estrela conta co patrocinio do Concello de Santiago, Turismo de Santiago, a Direccion xeral de Comercio e Consumo apoiando á marca Artesanía de Galicia, Estrella Galicia e Gadis, así como coa colaboración do Seminario Maior, a "Hospedería San Martín Pinario", Abanca e o Centro Don Bosco como localizacións anfitrionas do evento.

Durante a rolda de prensa, o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, recordou a importancia deste evento para o Nadal compostelán xa que "ademais dunha actividade moi atractiva para a cidadanía, tamén defende e promove o comercio de proximidade, a creatividade local e a cultura feita en Galicia". O edil tamén aproveitou para convidar a veciñas e veciños de todas as idades e tamén a visitantes de fóra de Santiago a "achegarse esa fin de semana e mercar os agasallos de Nadal para familia e amizades".

Agasalla talento galego

Case un centenar de marcas de artesanía, moda, ilustración, xoguetes, fotografía, deseño, decoración, edición, produtos enogastronómicos e últimas tendencias poderán participar na feira creativa contemporánea durante a fin de semana previa a Nadal cunha oferta que completará a súa proposta con foodtrucks, postos de restauración e un atractivo programa de concertos, sesións picadiscos e obradoiros deseñados para gozar da creatividade e do tempo compartido con contidos de balde entre os que estará a sesión DJ de Pretty Pretty 2000 o venres, o Bingo de Nadal o sábado, o concerto de Rastreadores o domingo, o servizo de gardería ludoteca, e o xa tradicional Fotomatón Estreleiro.

Un festival de balde que reparte os seus contidos entre diferentes espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago para redescubrilos a través dun percorrido que permite coñecer a impresionante riqueza arquitectónica e cultural desta cidade Patrimonio da Humanidade mentres se desfruta do animada ambiente que caracteriza ao festival e se descubre o talento creativa das novas marcas de Galicia.

A programación para esta 11ª edición iráse revelando progresivamente nos vindeiros días e, ao igual que a Feira Creativa e as Zonas Gastronómicas, será de acceso gratuíto.

Aquelas persoas que decidan visitar a cidade con motivo do Mercado da Estrela poden dende xa reservar aloxamento na hospedería do mosteiro barroco de San Mariño Pinario a un prezo reducido con motivo do festival.

Bases de participación para marcas: dispoñibles dende as 16 h da tarde de hoxe 16 de novembro seguindo a seguinte ligazón.

Espazos do Mercado da Estrela

A Feira Creativa poderá visitarse no 2º andar do Centro Social Abanca na Praza de Cervantes, no claustro procesional do mosteiro de San Martiño Pinario e na "Hospedería San Martín Pinario" de 17 h a 21 h o venres 16 e de 11 h a 21 h o sábado 17 de domingo 18 de decembro.

A zona Foodtruck con DJs e oferta de restauración instalarase na praza 8 de Marzo dende o venres 16 ás 14 h.

A pista cuberta do Centro Don Bosco actuacións musicais, o Bingo de Nadal, o Fotomatón Estreleiro e a Cantina Gourmet dende o venres 16 ás 19 h.

O Mercado da Estrela nas RRSS

O evento contará con diversos perfís nas RRSS nas que se irán publicando información e actualizacións:

Facebook: Mercado da Estrela e evento 11ª Edición
Instagram: @mercadodaestrela
Twitter: @Mdaestrela
Telegram: @mercadodaestrela






Compartir: