05/09/2022 A Xunta de Goberno Local, na primeira reunión ordinaria de setembro, aprobou tres convenios de colaboración coas asociacións comerciais Compostela Monumental, Santiago Centro e Punto Compostela, por un importe total de 99.000 euros, co obxecto de subvencionar a entrega de bonos de aparcadoiro á clientela e dinamizar así o sector. Nesta mesma sesión aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións a festas patronais e deuse inicio ao expediente para a contratación do servizo de roza e limpeza de parcelas municipais no ámbito urbano do termo municipal de Santiago de Compostela. O concelleiro secretario da Xunta de Goberno, Sindo Guinarte, deu conta dos asuntos en rolda de prensa.

O executivo municipal aprobou esta mañá os convenios de colaboración entre o Concello e as asociacións comerciais Compostela Monumental, Santiago Centro e Punto Compostela para o desenvolvemento dun programa de reactivación das compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro durante a anualidade 2022.

Ao convenio entre o Concello de Santiago e a Fundación Santiago Centro Área Comercial destinaranse 32.000 euros, a mesma cantidade que figura no texto do documento que está previsto asinar coa Asociación Punto Compostela Centro Comercial Aberto. En canto á Asociación de empresarios e profesionais centro comercial aberto Compostela Monumental, destinaranse 35.000 euros, pois xestionarán tamén os bonos correspondentes ao Mercado de Abastos.

As asociacións canalizarán as peticións do comercio local, asociado e non asociado, para acceder a bonos de aparcadoiro que posteriormente entregarán á súa clientela polas compras realizadas. O programa persegue a reactivación do comercio local, pola achega importante de recursos que reciben, á vez que estes fidelizan á súa clientela.

A medida, consensuada co sector, xa se puxera en marcha hai dous anos, dentro programa de reactivación económica e social municipal deseñado para paliar os efectos económicos adversos derivados da crise sanitaria provocada pola COVID- 19.

Convocatoria de subvencións a festas patronais

Nesta sesión tamén se aprobaron as bases da convocatoria de subvencións a festas patronais do Concello de Santiago de Compostela 2022 por un importe global de 38.750 euros. A Concellería de Festas vén colaborando dende hai anos coa programación das festas patronais en barrios e parroquias da cidade, sendo este un compromiso adquirido coas asociación de veciños e, no seu defecto, coas comisións de festas.

As festas que serán obxecto de subvención deberán ter como data de celebración as comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 13 de outubro de 2022 e serán gastos subvencionables os efectuados en instalación de inchables, festa da escuma, xogos populares, corais, charangas e grupos de música, grupos de baile, Karts a pedais e bandas de música.

O importe máximo da subvención para cada solicitante e para cada festa será de 1.250 € e o período de solicitude será de 1 mes natural contado a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no BOP da Coruña. O prazo de xustificación do gasto efectuado será do 15 de outubro ao 15 de novembro de 2022.

Os criterios de adxudicación da subvención serán por orde de chegada, sempre que se cumpran os requisitos da convocatoria, ata o consumo do orzamento dispoñible na aplicación.

Así mesmo, deuse o visto bo ao inicio do expediente que ten por obxecto a licitación do Servizo de roza e limpeza de parcelas municipais no ámbito urbano do termo municipal de Santiago de Compostela, reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción. Tramitarase como procedemento aberto simplificado por un importe total de 150.000,00 € (base impoñible de 123.996,94 € e IVE do 21% por importe de 26.033,06 €) coa seguinte desagregación por anualidades:
ANO 2022 (5 meses): 62.500 €
ANO 2023 (7 meses): 87.500 €



Descargas




Compartir: