14/07/2022 O Pazo de Raxoi abriu hoxe as súas portas á Asociación de Comerciantes Compostela Monumental, que celebra nestas datas o 30 aniversario da súa creación. Foron recibidos polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e por representantes de todos os grupos políticos da Corporación.

O Salón Nobre acolleu esta mañá a recepción aos membros fundadores, á actual directiva e aos socios de Compostela Monumental, asociación de comerciantes de Santiago que leva desempeñando a súa actividade dende hai 30 anos.

O alcalde lembrou a súa historia e agradeceu o traballo desempeñado pola asociación, coa que o Concello colabora dende moitas vías, en prol da dinamización e recuperación do comercio de proximidade no casco histórico.

A entidade fundouse o 19 de maio de 1992 arredor dun grupo de comerciantes e empresarios da zona monumental. O seu primeiro presidente foi José Severino Chaves Vites, de Calzados Severino, cargo que ocupa actualmente José Manuel Bello. Da directiva fundadora tamén asistiron Antonio Bernal López, Vicente Sande Lamas, Moncho Boullón Moure, Fernando Eiroa Mene, Santiago Rey Suárez, Ángel Manuel Lorenzo Jiménez, Esperanza Prol Bao, Camilo Regueira Veiga, Manuel Villar, Ricardo Docobo Durántez, Teresa Rodríguez Bartolomé e Jorge Riande Torres.






Compartir: