11/07/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a designación de Abanca Corporación Bancaria coma entidade colaboradora seleccionada para a entrega e distribución das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo denominado "Bonos Corazón Praza de Abastos".

Estes bonos, consensuados coa nova xunta directiva do Mercado de Abastos, emitiranse por un valor de 75.000 euros; dos cales o Concello de Santiago aportará 30.000 euros. Agora unha vez aprobada esta designación, queda pendente a sinatura do convenio coa Abanca, a dación de contas en Xunta de Goberno e a aprobación da convocatoria de axudas. Está previsto que na segunda quincena de xullo a cidadanía xa poida descargar eses bonos, que estarán vixentes, segundo o acordado cos praceiros, ata o 31 de agosto.

É a terceira vez que o concello de Santiago emite uns bonos de dinamizacion comercial destas características. Os anteriores foron os Bonos Corazón Concheiros, tamén por 75.000 euros (30.000 aportados polo Concello), e estiveron operativos para a clientela dos comercios e os locais de restauración da zona de Concheiros-San Pedro, entre o 11 de marzo e o 31 de maio de 2022.

Os primeiros que se puxeron en marcha foron os Bonos Corazón Compostela, en setembro de 2021. En total, repartíronse máis de 20.000 bonos a través dun programa que mobilizou 1,5 millóns de euros, dos que o Concello de Santiago achegou 600.000 euros.

Nestes programas establécense tres modalidades de bonos: de 75 euros, de 50 e de 30 euros. O Concello cofinancia un 40% e o 60% corre a cargo da persoa solicitante.

Contratación
Nesta reunión do executivo municipal tamén se adxudicou a "Redacción de proxecto e dirección facultativa das obras Recuperación do Campus Sur para o cidadán" á empresa Salgado e Lliñares SLP, por un importe total de 49.346,22 euros, sendo a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. Este proxecto está cofinanciado polo PO FEDER 2014- 2020 nun 80%; dentro do OT 9 da EDUSI "REVIVE".

Por outra banda aprobouse o expediente denominado "Obras de execución do proxecto "Medidas correctoras PAU Verónica Boquete- Fase I (Actuacións prioritarias)" e a apertura do proceso de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 145.143,58 euros, IVE engadido. Tamén se deu luz verde á licitación das obras de "Instalación de alumeado público na Rúa das Estrelas" que contan cun investimento de 94.292,31 euros.



Descargas




Compartir: