14/03/2022 O Concello de Santiago realizará un estudo de diagnose do Mercado de Abastos. Así se acordou na reunión que esta tarde mantivo o alcalde de Santigo, Xosé Sánchez Bugallo, con representantes de ASUCA e da Cooperativa do Mercado de Abastos. No encontro tamén estaban presentes os concelleiros de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón; e o responsable de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.

Este estudo é unha petición dos praceiros, e servirá para analizar a situación da Praza de Abastos. Considérano unha ferramenta indispensable para o futuro do mercado. A última diagnose foi realizada hai 20 anos.

Tamén se contempla un plan de dinamización comercial a través duns Bonos Corazón Praza de Abastos. Quedan por concretar as datas, se en primavera ou outono, unha decisión que quedaron en tomar os praceiros e que lle comunicarán ao Concello.

Na reunión tamén se lle confirmou aos praceiros a ampliación do horario de carga e descarga desde as seis da mañá ata as nove da noite, algo que xa se viña facendo; e que se ampliaba a zona de carga e descarga á Praza de Irmán Gómez, para os vehículos dos comerciantes de ata 3.500 quilos, que entrarían por zona de Casas Reais, ata as dez e media da noite.

Era outra das peticións. Igual que a mellora da sinaléctica, xa que non lles agrada a placa de dirección prohibida. Segundo se acordou, estudarase a súa substitución por paneis informativos.

En canto ao aparcamento de Belvís tamén se valorará, por parte de Tussa, informar de cando estea completo, a través de sensores e paneis luminosos.






Compartir: