04/11/2021 Os Bonos Corazón Compostela amplían desde este venres a oferta de contías: poderán solicitarse bonos de 75 euros, pero tamén de 50 e de 30. Ademais, cada usuario poderá descargarse ata un máximo de tres.

Esta modificación das bases que rexen a iniciativa serán publicadas no BOP este venres e a partir das 9.00 horas poderán descargarse os novos bonos. Haberá, polo tanto, tres modalidades: cun valor de 75 euros, como os actuais; cun valor de 50 euros, e cun valor de 30 euros. Os bonos estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante, que deberá achegar a contía de 45, 30 ou 18 euros, en función do bono que prefira.

Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos. A persoa solicitante poderá escoller libremente entre calquera das tres modalidades dispoñibles e solicitar e obter máis dun bono da mesma modalidade. Se xa se descargou un bono, poderá descargarse dous bonos máis, que poden ser de 75 euros se o precisa. Aparecerá un único bono coas contías acumuladas. Non ten que agardar a esgotar un bono para descargar o seguinte.

Os bonos poderán ser usados nun ou en varios dos establecementos adheridos ao programa. Pode sen problema consumirse o saldo acumulado nunha ou en varias compras.

O importe máximo de bonos que poderá trocar cada establecemento comercial ou hostaleiro é de 10.000 euros. Estas modificacións entrarán en vigor ás 09:00 h da mañá do mesmo día da súa publicación no BOP de A Coruña.






Compartir: