01/09/2021 Todas as primeiras fins de semana de cada mes, comezando este venres 3 e sábado 4 e ata decembro, volven as actividades de rúa que se iniciaron en xuño coa celebración do Prima21, incluídas na máis ampla campaña de dinamización comercial Eu Merco Aquí.

Durante estas fins de semana permitirase aos comercios sacar e exhibir os seus produtos na rúa, tal e como se fixo en xuño, no marco do Prima21. Ademais disto, haberá dinamización de rúa, que arranca o venres 3 e continúa o sábado 4 cun amplo programa.

Como novidade, a banda As Efémeras realizará un obradoiro só para crianzas no Toural con ata 15 nenas e nenos (os primeiros que se acheguen) e contarán durante todo o obradoiro e toda a súa actuación itinerante cunha interéprete de linguaxe de signos. A elas sumaranse Pan sen Fron, Nastasia Zürcher ou Os Estalotes

Información das bandas
AS EFÉMERAS

Artistas e activistas culturais de Redondela, comprometidas coa ecoloxía, a cultura e a fala do país. Fan música para escoitar, danzar e reflexionar, música comunitaria. Inspiración poética e política de quilómetro cero: desde Redondela para o mundo. Letras de intelixencia racional e emocional, composicións novas e frescas con inspiración nas músicas populares do mundo.

Antes da súa actuación polas rúas de Compostela realizarán na Praza do Toural un obradoiro para crianzas de confección de ás con materiais reciclados para que poidan itinerar co grupo convertidas/os en efémeras. Estes insectos, pola súa dependencia das augas limpas, son bioindicadores da calidade dos nosos ríos.

PAN SEN FRON

Pan Sen Fron (Pandereteiras sen Fronteiros) é un grupo de música tradicional feita con voz e percusións, formado por uns 20 compoñentes. Nace na Coruña no 2014 da man do mestre Xurxo Fernandes co obxectivo de estudar e coñecer a nosa música a través da investigación e o traballo de campo, máis tamén co de explorar as tradicións orais de todo o mundo a través da propia, procurando similitudes co folclore doutros pobos e lugares.

NASTASIA ZÜRCHER

A cantante galego-suiza Nastasia Zürcher presenta neste verán a súa xira íntima a dúo co músico Adrián Saavedra, un formato para desfutar de preto dalgunhas das cancións dos seus dous traballos discográficos e tamén dos novos singles. Neo world soul e R&B contemporáneo nunha producción elegante e coidada que arroupa a fascinante voz de Nastasia.

OS ESTALOTES

Os Estalotes é un grupo compostelán que leva 27 anos facendo as coñecidas estalotadas, unha foliada aberta que se desenvolve principalmente na rúa de San Pedro e que se trasladou xa a outros barrios da cidade. Para a interpretación de rúa conta cos sons máis habituais nas citas das noites dos venres en Compostela: gaitas, acordeón, percusión tradicional e, por suposto, as súas características voces.

Horario e itinerarios
VENRES 3 DE SETEMBRO

• CONCERTO PRAZA ROXA: NASTASIA ZÜRCHER

HORARIO: 19.30
DURACIÓN: 1 HORA

• ITINERANTE ENSANCHE: AS EFÉMERAS

INICIO EN: PRAZA DO TOURAL
FINAL EN: CARREIRA DO CONDE

HORARIO:
OBRADOIRO EFÉMERO: 18:00 A 18:45
ITINERANCIA: 18.45 A 20:00

PERCORRIDO:
TOURAL – PORTA FAXEIRA - XENERAL PARDIÑAS (IDA E VOLTA) - MONTERO RÍOS - CARREIRA DO CONDE

• ITINERANTE ZONA VELLA: PAN SEN FRON

INICIO EN: PRAZA DE SAN ROQUE
FINAL EN: PRAZA DO TOURAL

HORARIO: 18.00 A 20:00

PERCORRIDO:
PRAZA DE SAN ROQUE - ALGALIA - CERVANTES - PREGUNTOIRO - MAZARELOS - ORFAS - RÚA NOVA - RÚA DO VILAR - TOURAL

SÁBADO 4 DE SETEMBRO

• ITINERANTE ZONA VELLA – ENSANCHE: OS ESTALOTES

INICIO EN: PRAZA 8 DE MARZO
FINAL EN: PRAZA ROXA

HORARIO: 12:00 – 14.00H

PERCORRIDO:
PRAZA 8 DE MARZO - CASAS REAIS - CERVANTES - ABASTOS - MAZARELOS - ORFAS - TOURAL - CARREIRA DO CONDE - XENERAL PARDIÑAS - MONTERO RÍOS - PRAZA ROXA



Ligazóns




Compartir: