11/06/2021 Dado o éxito acadado polos eventos de dinamización de rúa durante a festa do comercio local Prima21 os pasados 3,4 e 5 de xuño, desde o departamento de Comercio apóstase por continuar coa programación lúdico-cultural para todos os públicos durante todos os fins de semana do mes de xuño. Así o anunciou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a técnica de Comercio, Lucía Castro.

As actividades de dinamización terán lugar os venres pola tarde, e sábados, tanto pola mañá pola tarde, do mes de xuño co obxectivo de animar a cidadanía a saír á rúa e a mercar nos establecementos composteláns.

A programación encádrase dentro da campaña de apoio ao comercio local "Eu merco aquí", presentada o pasado día 28 de maio, que quere simbolizar o compromiso co comercio local. Para difundila levarase a cabo unha campaña de comunicación coa mensaxe "Se es intelixente, merca aquí" que defende que mercar no comercio local non é unha cuestión de xenerosidade ou altruísmo, é un acto intelixente. A devandita campaña comezou coa festa de Prima 21 e continuará durante todo o mes de xuño, coa difusión dun vídeo e outras accións publicitarias e de animación. Na próxima semana publicarase en redes o spot da campaña e elementos de street marketing empregando os soportes de mupis da cidade.

Estas actividades completaranse cun programa pensado para a cativada que desenvolverá a Concellería de Centros Socioculturais na Alameda os venres de verán.

Programación para esta fin de semana
O venres 11 e o sábado 12, as rúas da zona vella e o Ensanche encheranse de novo de música variada. Na primeira xornada, poderemos desfrutar dos espectáculos itinerantes de Brassica Rapa (saída de praza de San Roque) e de Trópico de Grelos, que sairán da praza Roxa (de 18.00 a 20.00 h). O sábado 12 é o turno do pasarrúas de Tatará Trío e os Papamoscas (saída da praza de Cervantes), de 12.00 h a 14.00 h. Xa pola tarde, a praza Roxa será o escenario do concerto de Oima (ás 19.00 h), e a Cervantes acollerá a actuación de Russinha (tamén ás 19.00 h).

Corte de tráfico
Para facilitar a realización do pasarrúas polo Ensanche, hoxe pola tarde, dende as 18:00 ás 20:00 horas, pecharase ao tráfico a rúa do Xeneral Pardiñas (agás o cruzamento con Carreira do Conde) e a rúa Alfredo Brañas.

As liñas do transporte urbano con paso por Xeneral Pardiñas realizarán os desvíos indicados nos servizos comprendidos entre as 18:00 e as 20:00 do venres 11 de xuño.

Quedan suprimidas as seguintes paradas:
-673 Xeneral Pardiñas nº 35

-674 Xeneral Pardiñas nº 7

*Liñas 5, 15 e P6: desde República Arxentina desviarase pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e cambio de sentido na pza. de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.

*Liña 13: rematará o seu percorrido na pza. de Galicia.

*Liña C11: desde a rúa Santiago de Guayaquil desviarase pola rúa do Hórreo e cambio de sentido na pza. de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.



Ligazóns




Compartir: