12/06/2020 Nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada este venres, aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións para actividades de promoción e dinamización comercial. Estas axudas, cunha dotación total de 60.000 euros, están dirixidas ás asociacións comerciais, que poderán optar a cubrir ata o 75% do orzamento de gasto, cun límite de 30.000 euros por entidade.

Poderán beneficiarse desas subvencións as asociacións de comerciantes ou entidades representativas de pequenas e medianas empresas comerciais legalmente constituídas, de carácter local, sen fin de lucro. Teñen que contar cun mínimo de 15 establecementos asociados e o 60% destes deben pertencer ao sector comercial.

As actuacións subvencionables, realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020, poden ser sistemas de fidelización; actuacións de dinamización e promoción comercial; campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como elaboración de material promocional; implantación ou mantemento de servizos de apoio e asesoramento ao comercio polo miúdo; ou actuacións encamiñadas á mellora da competitividade comercial. Poden incluírse como gastos os custos de persoal e de administración específicos, sempre e cando estean directamente relacionados coa actividade subvencionada.

Estas bases serán publicadas en breve no BOP da Coruña. Ao día seguinte desta publicación comezará o prazo de solicitude.

299 solicitudes do comercio compostelán
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta da aprobación destas axudas a asociacións comerciais, e tamén do balance das axudas ao sector comercial para as que xa rematou o prazo de solicitude. Indicou que se presentaron 299 solicitudes, das que 59 corresponden á convocatoria para o pago de intereses e 240 para a convocatoria de innovación e melloras nos comercios.

"Agora as solicitudes serán avaliadas polos técnicos e agardamos ter resoltas as convocatorias na primeira quincena de xullo", indicou o rexedor, que se mostrou especialmente satisfeito pola cifra de solicitudes para a mellora do comercio, polo que isto supón de "aposta pola renovación, a comunicación ou as melloras tecnolóxicas".

Tickets de estacionamento
Sánchez Bugallo tamén anunciou que esta semana quedou resolta a asignación de recursos para a dotación ás asociacións de comerciantes dos tíckets de estacionamento. Indicou que se vai asinar un convenio con asociación, no que quedará establecida "a obriga de cada unha delas a facilitar este tícket non só aos seus asociados, senón tamén a outros comerciantes que o demanden, sempre que haxa existencias".

Explicou que o Concello afrontará o 75% do custo do tícket, polo 25% que terá que achegar a asociación comercial. Non obstante, dixo, "a cantidade que vai recaer nos comercios estará entre o 15% e o 20% do custo real", contando coa rebaixa no prezo do tícket que poidan negociar cos estacionamentos.

As cantidades a repartir son: 36.666 euros para Comercio Punto Compostela, 29.166 para Compostela Monumental e para Fundación Santiago Centro e 5.000 euros para Em-Rede.

Mercado de Salgueiriños
Cambiando de ámbito comercial e a propósito do mercado de Salgueiriños, o alcalde mostrou a súa sorpresa polo feito de que "persoas que ni fixeran unha solicitude reclamen un dereito". En calquera caso, lembrou que ata o día 16 se poden aínda solicitar as autorizacións para instalarse neste espazo.

"O que é importante é que todos/as os/as comerciantes entendan que teñen que cumprir cos requisitos", afirmou, insistindo na "situación de absoluto descontrol existente ata agora". O rexedor espera que "se normalice o funcionamento do mercado" e que este pase a ser "un mercado ordenado e organizado", o que permitirá que "gañe prestixio", o que redundará "no seu propio beneficio".

En canto ao deseño do número de postos do mercado, indicou que "nos iremos adaptando á realidade", axustando a distribución. Tamén anunciou que se levará ao Consello de Administración de Tussa unha proposta de tarifa especial para usuarios/as do estacionamento de Salgueiriños e para os propios comerciantes, para que deixen nel as súas furgonetas.



Descargas




Compartir: