23/05/2019 Este sábado 25 de maio quedará inaugurado o chamado "Barrio Xardín", a zona situada na contorna do Parlamento entre as rúas do Hórreo, avenida de Lugo, Bernardo Barreiro, Curros Enríquez e Neira de Mosquera. O tecido comercial e a veciñanza deste ámbito colaboraron no desenvolvemento dun proxecto que ten como obxectivo dinamizar o comercio da zona, recuperar os espazos públicos e mellorar a convivencia no ámbito. O programa "Barrio Xardín" desenvólvese no marco do programa Con B de Barrio, impulsado pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo.

O proxecto do "Barrio Xardín" abrirase este sábado cunha festa que xirará ao redor dun mercado de flores e horticultura no parque da Constitución. Entre as actividades previstas, ademais da exposición e venda de plantas, haberá obradoiros de elaboración de fermentos, demostracións de pintura con elementos das árbores ou venda e degustación de produtos ecolóxicos de proximidade. No programa figura tamén un roteiro de primavera polas diferentes rúas e parques do barrio e actuacións musicais. A festa desenvolverase durante toda a xornada, desde as 11:30 ás 20:30 horas.

Máis alá do comercio
O proxecto "Barrio Xardín" foi presentado á terceira edición do programa Con B de Barrio co obxectivo de desenvolver o potencial comercial do contorno do Parlamento de Galicia e, ao tempo, de recordar ás personalidades que lle dan nome ás rúas da zona. Pero a iniciativa vai máis alá do comercial, e a veciñanza implicouse noutras accións que permitirán por en valor esta área de Compostela.
O Concello acompaña esta implicación vecinal con outras melloras que xa empezaron a executarse ou previstas a medio prazo, como a substitución dos bolardos existentes, o arranxo das xardineiras, a elaboración dun mapa de barrio ou o a sinalización do nome das rúas. Un dos cambios máis salientables foi a peonalización da rúa dos Irmáns Rey Alvite, que supuxo algunhas modificacións de direccións nas rúas do seu contorno.



Descargas




Compartir: