12/04/2019 Os departamentos de Comercio e Lingua veñen de convocar 20 cheques de consultoría en comunicación comercial e adecuación de locais dentro do programa Coidar para mellorar, mellorar para coidar, posto en marcha en setembro de 2018 como resultado da unificación de dúas convocatorias de axudas.

En total, destínanse 20.000 euros que se repartirán en 20 cheques, 10 para a reforma e acondicionamento de locais de negocio e outros tantos de asesoramento en comunicación comercial. Tal e como explicou a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, estes cheques "consisten na posta a disposición dos comercios beneficiarios de servizos profesionais cuxo obxectivo é realizar unha avaliación interna da que se obterá un informe sobre as necesidades detectadas".

Dentro da primeira liña de acondicionamento de locais inclúese a análise do estado actual do local, da súa imaxe, así como os puntos febles na súa estética e composición. A partir de aí elaborarase un informe de necesidades co que ten que ver coa distribución dos espazos, a accesibilidade, o mobiliario, a exposición de produto ou iluminación e acabados. Na convocatoria de cheques en comunicación comercial analizarase a comunicación actual do comercio e redactarase un plan adaptado ás necesidades do establecemento.

Poderán resultar beneficiarios todos aqueles establecementos comerciais polo miúdo cuxa actividade principal estea preferentemente incluída nalgunha das agrupacións ou epígrafes relacionadas no anexo II das bases da convocatoria, que poden consultarse en comercio.santiagodecompostela.gal ou en coidarparamellorar.santiagodecompostela.gal.

Os comercios interesados poden presentarse a estas axudas no prazo dun mes a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.






Compartir: