01/04/2019 A concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, deu conta hoxe da "necesidade de elaborar un plan de dinamización comercial do Casco Histórico de Compostela", que permita garantir a continuidade da actividade comercial nun contexto de globalización e expansión do turismo.

Tal e como explicou a edila, "o comercio local tivo sempre un papel fundamental en Compostela coma elemento estruturador e dinamizador da vida económica, social e cultural da cidade". Por iso, o Plan Estratéxico de Comercio 2017-2021 recolle unha serie de liñas estratéxicas, como son: a protección do comercio histórico, singular e emblemático; o fomento do produto propio, autóctono e/ou local; o impulso, a consolidación e a mellora dos comercios en activo; garantir a continuidade da actividade comercial e a creación dun observatorio comercial.

Marta Lois sinalou que "a problemática dos cascos históricos é común ás cidades Patrimonio da Humanidade e todas traballamos na mesma liña de diagnosticar para poder implantar determinadas medidas". Os obxectivos marcados con este estudo son: facilitar a permanencia daqueles establecementos comerciais que fornecen bens e servizos esenciais para a comunidade; protexer o comercio histórico e construír unha ferramenta que ordene o comercio dedicado en exclusiva á venda de recordos. Nesa liña, Lois destacou que "dependendo dos resultados do plan, desenvolveremos unha normativa que regule a implantación e ampliación dos establecementos dedicados en exclusiva ou maioritariamente á venda de recordos, así como a ordenación daqueles que dediquen unha parte importante da superficie de venda comercial á venda deste tipo de produtos".

O ámbito de actuación do presente plan de dinamización comercial será a área incluída no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade histórica (PE-1).

Actuacións
O Concello contratou xa unha consultora que se encargará de levar a cabo os traballos, cuxo avance poderemos coñecer no mes de xuño. As actuacións a levar serán, por unha banda, definir a estrutura e os contidos dun Observatorio do comercio do centro histórico de Santiago e, por outra, elaborar un inventario de todos aqueles establecementos dedicados á venda de recordos susceptibles de seren suxeitos á nova normativa.

O plan identificará cales son as alternativas concretas para a protección e promoción do comercio de interese público (que comprende as categorías de comercio de proximidade, histórico ou de interese social) dende a perspectiva fiscal e administrativa, por exemplo, mediante a concesión de determinados beneficios fiscais ou concesión de facilidades administrativas que promovan a realización de obras de conservación ou restauración de elementos patrimoniais.






Compartir: