22/03/2019 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu conta hoxe dos oito comercios emblemáticos do 2018, elixidos pola Mesa Local de Comercio dentro da acción Comercios emblemáticos, de onte, de hoxe e de sempre. Acompañouna na rolda de prensa a técnica municipal de Comercio, Lucía Castro.

Marta Lois sinalou que "dende o Departamento de Comercio puxemos en marcha esta iniciativa por vez primeira en 2016 para devolverlle aos nosos comercios emblemáticos todo o que eles fixeron por nós". A concelleira afirmou que é unha das actividades das que sentirse "orgullosa, e por iso a seguimos desenvolvendo ano a ano para seguir apostando polo pequeno comercio como unha das bases do crecemento económico dos nosos barrios".

Os comercios emblemáticos deste 2018 son:

- Bazar Casa Sole (Caldeirería, 46-48), un establecemento en loza e cristal aberto en 1918. Segue a ser un referente inescusable cunha variedade amplísima de produtos que combinan modernidade e tradición.

- Mercería Las 3BBB (Caldeirería, 9), casa aberta en 1943 cuxo lema é o "Bueno, bonito, barato". Comezaron vendendo teas para confección e téxtiles de fogar que se completaban con roupa para muller e, co tempo e os cambios nas modas e nos mercados, foise especializando neste último ramo.

- Libraría Follas Novas (Montero Ríos, 37 e 50), aberta por vez primeira vez en 1971, contou na súa inauguración con todas aquelas persoas que tiñan algo que dicir na cultura compostelá do momento nun acto que significou a integración real do Ensanche nas dinámicas e vida da cidade.

- Maruja Novedades (praza da Pescadería Vella, 3), aberta no ano 1975 da man de María Gil. Ao principio ofrecía téxtiles de fogar e confección para toda a familia, pero co tempo foise especializando e adaptando ás preferencias do público, especialmente en confección de muller.

- Charcutería Seco (San Pedro de Mezonzo, 3; Área Central e Praza de Abastos), aberta na década de 1950 por Antonio González Seco e Celia Álvarez. Hoxe, son os seus fillos Ana e Antonio os que rexentan as Charcuterías Seco.

- Cerería 5 Calles (Castro, 5 - baixo), fundada aló por 1940 por Maximino Fernández, que abriu este negocio que hoxe leva o seu neto. A actualidade é o único obradoiro deste oficio antiquísimo que queda na cidade e mantén aquel espírito dos tempos antigos: deseño clásico, produto de calidade e consello atento e coidadoso.

- Floristería Fiuncho (Montero Ríos, 46, e Área Central), posta en funcionamento por Dolores e Gonzalo en 1985. Hoxe son un referente, tanto nas súas tendas como nos traballos que desenvolven fóra delas.

- Ramón González Orfebres (praza de Feixóo, 2), obradoiro fundado en 1957 e que na actualidade dirixe o fillo de Ramón. É o templo da arte máis compostelá, a do traballo da prata e a talla do acibeche.

Os comercios emblemáticos do 2018 virán acompañados dunha mostra fotográfica na rúa da Carreira do Conde que se poderá visitar dende o 3 de abril ata o 5 de maio.






Compartir: