24/05/2018 A sala de usos múltiples da Praza de Abastos acolleu hoxe a presentación da acción que a cooperativa da Praza e o Concello impulsan durante este mes de maio para fidelizar os clientes do mercado. Na presentación estiveron a concelleira de Mercados, Noa Morales; a xerenta da praza, Marta Rey, e a subdirectora xeral de Comercio, Marta López.

Nesta ocasión, o Concello promove a campaña Ama o teu mercado mediante o sorteo de 15 bonos de desconto de 50 euros para trocar en calquera posto do mercado. A acción comezou o pasado 18 de maio e continuará ata o 28 deste mes, cando se darán a coñecer ás persoas beneficiarias. Terán ata o 30 de xuño para trocar os bonos en calquera posto da Praza.

Un dos obxectivos desta campaña pasa por fomentar a compra de produtos do mercado "frescos, locais, de proximidade e de primeira calidade", tal e como destacou a concelleira Noa Morales. "A Praza de Abastos –engadiu- é o segundo lugar máis visitado de Compostela por turistas e visitantes, despois da praza do Obradoiro. Pero non so iso, a praza é tamén o lugar de compra de referencia para os veciños e veciñas e por iso campañas deste tipo reforzan o valor que xa de por si ten o noso mercado".

Adhesión en 2016
O Concello de Santiago adheriuse xa no ano 2016 á campaña Quere o teu mercado, o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, prazas de abastos e federacións e asociacións de comerciantes.

O obxectivo da pasa por destacar o papel dos mercados nas cidades e por potenciar a compra do produto local. Durante a segunda quincena do mes de maio organízanse actividades en máis de 50 mercados de Galicia distribuídos por todo o territorio, co obxectivo de visualizar, promocionar e activar os mercados das cidades adheridas. Así, incentivarase a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.






Compartir: