21/03/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu conta hoxe da posta en marcha da terceira edición do programa Con B de Barrio, que busca dinamizar o pequeno comercio da nosa cidade. Marta Lois lembrou que "este programa xa está dando os seus froitos, como vimos coa primeira edición da Semana da Novela Negra de San Pedro".

Esta convocatoria xorde co fin de fomentar proxectos de desenvolvemento e dinamización comercial nos que prime a cooperación entre establecementos comerciais da mesma ou de diferente actividade, e así favorecer o asociacionismo, crear sinerxías e redes colaborativas de negocio, buscando beneficios compartidos derivados da confluencia de intereses.

Para acadar uns resultados acordes á visión anterior, "proponse escoitar, recoller, e dirixir a implantación de proxectos comerciais que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade no seu conxunto e dos nosos barrios e áreas comerciais en particular; á vez que se traballa no empoderamento das persoas que se dedican ao comercio", tal e como destacou a concelleira.

Dez proxectos
A partir das necesidades, ideas ou propostas concretas expostas polos comercios participantes, desenvolveranse un total de dez proxectos comerciais. "A principal novidade deste ano -indicou Marta Lois- pasa por apostar de forma máis significativa polo asociacionismo, de tal xeito que as candidaturas que se presenten teñen que estar asinadas por un mínimo de tres comercios. Tamén poderán participar as asociacións locais de comerciantes cuxo ámbito xeográfico de actuación sexa todo ou parte de Santiago de Compostela".

Durante o seu desenvolvemento, os proxectos comerciais poderán adquirir unha maior dimensión respecto á inicialmente exposta polo comercio ou asociación promotora. Con B de Barrio oriéntase como un servizo de consultoría aberta dirixido ao estímulo do pequeno comercio de Santiago e coa asistencia dun/unha asesor/a que acompañará aos establecementos durante a prestación do servizo. Estenderase dende a aprobación dos proxectos comerciais seleccionados ata o 14 de decembro de 2018.

O prazo para presentar as correspondentes candidaturas rematará ás 14:00 horas do día 23 de abril. Este prazo poderá prorrogarse, por decisión do Concello, en caso de que o número de candidaturas admitidas sexa inferior a dez. A inscrición realizarase mediante o envío en liña do formulario dispoñible na web do Departamento de Comercio.

O proxecto comercial deberá remitirse ao enderezo de correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal e deberá describir detalladamente en que consiste, indicando o número e datos dos establecementos participantes.

Valorarase positivamente, á hora da selección das propostas, o grao de madurez da mesma, a viabilidade técnica, o número de establecementos implicados, as características innovadoras da idea ou a incidencia en eidos xeográficos onde non exista previamente unha asociación formal de comerciantes establecida.

Edicións pasadas
Marta Lois valorou "moi positivamente" as dúas edicións anteriores de Con B de Barrio, nas que se asesorou a 31 comercios e se xeraron sinerxias con case 240 establecementos nos dous anos.



Descargas




Compartir: