08/05/2017 Desafío Comercial SCQ, unha aplicación para coñecer a cara máis insólita dos comercios de Santiago que arrancou o mes de novembro do ano pasado, renóvase con novas funcionalidades e novos premios. A app está dispoñible en Apple Store e Play Store.

A idea deste xogo é mergullarse no pequeno comercio emblemático de Compostela dende unha perspectiva lúdica. O obxectivo pasa por buscar e atopar anécdotas e curiosidades que nos fan superar os retos do xogo e nos permiten gañar numerosos premios.

A aplicación segue a historia de Rosa López Comunión, Rosita, personaxe compostelán dos anos 20, á que ás persoas usuarias deben axudar a atopar o contexto, a historia ou a anécdota asociada a determinados obxectos.

Os obxectos que as persoas usuarias teñen que atopar están relacionados cos oito comercios emblemáticos do 2016. Dese xeito, haberá que atopar un sombreiro (Sombreirería Iglesias), un gramófono (A Grileira), botes de esencia e musgo de Compostela (Farmacia Bescansa), un vestido (Tintorería Moderna), uns pendentes (sucesores de Bernardino Otero), unha cesta (Castañeiro), unha cunca (Ferretería Cruz), e un libro (Librería Pedreira).

Paquetes de experiencias
Neste ano 2017, a aplicación foi mellorada polo Concello, ofrecendo ao xogador/a novas ferramentas e novos agasallos. Así, a oferta de premios complétase con 20 paquetes de experiencias consistentes en comidas ou ceas para dúas persoas e noites de hotel con almorzo e acceso a spa, a escoller entre restaurantes e hoteis de toda España.

Estes paquetes de experiencias súmanse aos premios xa dispoñibles o ano pasado: reloxos intelixentes, baterías para móbil e paraugas automáticos serigrafados. Os agasallos entregaranse ata fin de existencias. Unha novidade importante é que a persoa usuaria terá a posibilidade de consultar a estocaxe dos premios dende o menú da app, que lle informará de se quedan moitas, poucas ou ningunha unidade mediante a identificación das cores verde, laranxa ou vermella, respectivamente.

Ata tres premios e máis dinamismo
Ademais, amplíase o número de premios que pode obter cada xogador/a. Antes cada xogador/a podía obter un único premio, de menor ou maior categoría segundo optase por plantarse nun determinado momento ou seguir xogando e acadar así o premio maior. Agora admítese a acumulación de ata tres premios pola superación escalonada dos oito xogos de Desafío Comercial SCQ, identificados con cada un dos oito obxectos de Rosita. Cada xogador/a poderá obter ata tres premios.

O número de retos a superar para a obtención de premios reduciuse para facer o xogo moito máis dinámico. Co ánimo de facelo tamén máis interactivo, introducíronse as notificacións, mediante as que se xerarán avisos aos xogadores/as, tales como cantos retos lle faltan para acadar premio, últimas unidades de premio...

Outra importante novidade é que os premios poderán recollerse tanto no Departamento de Comercio, mediante o envío dun e-mail ao enderezo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal, coma solicitar o envío mediante correo postal, limitado, iso si, ao ámbito de Galicia e a un único envío por persoa usuaria.

Toda a información detallada sobre o funcionamento da aplicación está dispoñible nas condicións de participación, que poden ser consultadas dende o propio menú da app, nesta web municipal ou na do Departamento de Comercio, comercio.santiagodecompostela.gal.

Dende o Concello realizarase unha campaña específica de comunicación dirixida a familias e a público xuvenil e farase especial fincapé nas redes sociais como canle de transmisión.

Esta aplicación nace con carácter permanente e con carácter periódico renovaranse os retos, as promocións e os distintos premios. O nomeamento dos novos comercios emblemáticos 2017 permitirá introducir novos retos, vinculados aos novos comercios, así como máis premios.



Descargas




Compartir: