30/11/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega fixo entrega dos premios da primeira edición do concurso de escaparatismo do Samaín, organizado polo Departamento de Comercio do Concello e que ten vocación de continuidade.

Leonor Díaz, unha habitual nos concursos de escaparatismo, recolleu o premio outorgado a Como Pez en el Agua (rúa de San Pedro, 79), e Adriana López recibiu de Martiño Noriega o galardón concedido a Perruquería Adri´s (rúa da Rosa, 38). Antes, na súa intervención, o rexedor compostelán destacou "a implicación do comercio de Compostela" e avanzou que "este tipo de proxectos deben perdurar no tempo porque axudan a facer cidade". Pola súa banda os comercios premiados agradeceron a iniciativa ao Concello

Os motivos dos escaparates vinculáronse á recuperación do Samaín orixinal en Compostela. Unha festa caracterizada por ser familiar, integradora, de xente vestida de civil, onde se tallan os calacús, ásanse castañas... Os elementos decorativos que se usaron polos comercios participantes estaban relacionados con castañas, follas secas, chuvieiras, magostos, luciñas, caveiras, camposantos ou animas.

O xurado estivo composto polo concelleiro e concelleira de Educación e Comercio, Manuel Dios e Marta Lois, respectivamente, unha persoa representante dos departamentos de Comercio e Educación, representantes das asociacións de comerciantes da cidade e unha persoa profesional do sector do interiorismo e a decoración.

O xurado valorou especialmente a adecuación da ambientación ao sentido orixinario do Samaín, a orixinalidade e a innovación nos contidos e formatos, o aproveitamento de recursos propios e a exposición do produto, unidade e composición.






Compartir: