14/11/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou a aplicación para dispositivos móbiles que leva por nome Desafío Comercial SCQ. É un xogo posto en marcha dende o Departamento de Comercio que vén a complementar a campaña Comercios emblemáticos que desenvolvido o mes pasado.

Marta Lois explicou que "a idea deste xogo é mergullarse no pequeno comercio emblemático de Compostela dende unha perspectiva lúdica. O obxectivo pasa por buscar e atopar anécdotas e curiosidades que sumarán puntos e insignias e nos permitirán gañar numerosos premios".

Os obxectos que as persoas usuarias teñen que atopar están relacionados cos oito comercios emblemáticos do 2016. Dese xeito, haberá que atopar un sombreiro (Sombreirería Iglesias), un gramófono (A Grileira), botes de esencia e musgo de Compostela (Farmacia Bescansa), un vestido (Tintorería Moderna), uns pendentes (sucesores de Bernardino Otero), unha cesta (Castañeiro), unha cunca (Ferretería Cruz), e un libro (Librería Pedreira).

A aplicación segue a historia de Rosa López Comunión, Rosita, personaxe compostelán dos anos 20, á que ás persoas usuarias deben axudar a atopar o contexto, a historia ou a anécdota asociada a determinados obxectos. De onde saíron, onde se mercaron… Eses obxectos serán parte da maleta que Rosita está a preparar para a súa viaxe a Cuba.

Numerosos premios
Dentro de cada obxecto desenvólvese un conxunto de retos a superar, arredor de diferentes comercios e rúas da cidade, non só os emblemáticos. As 15 primeiras persoas que superen o desafío gañarán un reloxo intelixente e o resto, incluso se non conseguen superar todos os desafíos, pero si unha parte importante dos mesmos, poderán optar a outros premios. Entre eles, un paraugas automático en fibra de carbono e baterías externas de 2000 mAh, cable incluído, para recargar os móbiles en calquera momento e lugar.

Para recoller os agasallos, as persoas usuarias deberán poñerse en contacto co Departamento de Comercio do Concello de Santiago mediante o envío dun correo electrónico a comercio@santiagodecompostela.gal, para así acordar data e lugar de recollida. Para levar os agasallos será necesario amosar o código QR xerado pola aplicación dispoñible na sección "Agasallos" da mesma. Os regalos están suxeitos a dispoñibilidade e limitados a un por persoa.

Poderán participar e recoller premios todas aquelas persoas maiores de 16 anos. Esta é unha aplicación que nace con carácter permanente e que se renovará anualmente con novos retos e novos comercios emblemáticos. A presente promoción estará vixente entre o 10 de novembro de o 10 de xaneiro de 2017. A partir desa data, colgaranse novas promocións con novos agasallos.

A app foi deseñada por Imagames Gamification Services, SL, unha empresa compostelá de recente creación formada por mozos e mozas emprendedores e vinculada á USC.






Compartir: