06/06/2022 A mediados deste mes de xuño comezarán a funcionar os Bonos Corazón Praza de Abastos. Está previsto que na segunda quincena de xuño se abra o o prazo de inscrición dos praceiros. A continuación, uns días despois, xa se poderán descargar os bonos, que teñen como obxectivo dinamizar e incentivar as compras no recinto, e que serán válidos ata o 31 de agosto. Foi un dos temas tratados na xuntanza que esta mañá mantivo o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, coa nova Xunta directiva da Cooperativa do Mercado de Abastos.

Segundo informou Sánchez Bugallo, emitiranse Bonos Corazón Praza de Abastos por valor de 75.000 euros, dos cales o Concello de Santiago aportará 30.000. En setembro, avanzou o alcalde, está prevista unha nova convocatoria de bonos para a toda a cidade, "dos que tamén poderán participar".

No encontro, os praceiros transmitíronlle ao rexedor que os bonos de aparcamento, subvencionados polo Concello de Santiago, estaban "funcionando moi ben". Tamén aprobaron o funcionamento do aparcamento ORA, nas inmediacións do Mercado de Abastos, na zona de Mazarelos, e o sistema de rotación.

Outros asuntos tratados na reunión foron a contratación dun estudo de mercado solicitado pola Xunta directiva anterior, que tería un custe duns 30.000 euros, e que sairá a licitación próximamente. E as obras que é necesario executar na Praza de Abastos, segundo un informe de avaliación do edificio, encargado a unha arquitecta, por un importe de 566.000 euros. Está previsto que próximamente se saquen a licitación, primeiro a redacción do proxecto e despois a execución das actuacións.






Compartir: