30/11/2015 As actividades deste Nadal chegarán a todas e a todos coa descentralización da programación navideña, grazas a actividades como o Nadal sobre rodas ou As bolboretas de Nadal.

A concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, presentou en rolda de prensa ambas accións, que xorden do Departamento de Comercio do Concello, e que teñen como obxectivo "a dinamización comercial dos diferentes barrios da cidade". Un autobús de dous pisos percorrerá distintas zonas con actividades lúdicas e dous obradoiros nos que a cidadanía pode participar de balde.

Haberá un taller de elaboración de galletas de Nadal e de xabóns naturais e os participantes poderán ademais subir ao espazo de empaquetado creativo para envolver as compras de Nadal que realicen nos comercios da cidade.

Axenda do autobús
As actividades comezarán o 5 de decembro e serán en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. A primeira parada do autobús será en Área Central (praza de Europa). O 6 de decembro visitará a praza Roxa, o 19 de decembro a parroquia de Marantes (Lugar de Cortos), o 20 de decembro o barrio de Vista Alegre (na explanada que está diante do Polideportivo de Santa Isabel), o 26 de decembro na parroquia de Figueiras (pistas deportivas), o 27 de decembro en Sar (Colexiata), o 2 de xaneiro no barrio de Conxo (diante do local sociocultural) e o 3 no barrio do Castiñeiriño.

O obradoiro de decoración de galletas farase en horario de 12:00 a 14:00 horas, o de elaboración e xabóns de 17:00 a 19:00 horas e o espazo de empaquetado creativo de agasallos as mañás e as tardes.

Pillas de bolboretas
A segunda das actividades é As bolboretas do Nadal, unha campaña que consiste na adaptación da plataforma tecnolóxica para móbiles existente I Butterfly One, que permite "cazar" bolboretas virtuais co móbil mediante esta aplicación que se pode descargar das plataformas Android e IOS de forma gratuíta. As persoas participantes poderán gañar premios adquiridos polo Concello de Santiago no comercio local e que poderán recoller nos puntos de troco habilitados a tal efecto.

A pilla de bolboretas poderá realizarse a partir do día 3 de decembro por toda a cidade. Haberá ademais pillas especiais de bolboretas por distintos barrios da cidade (Conxo, Vista Alegre, praza Roxa, San Pedro, Paxonal, praza do Toural) e tamén durante o partido do Obradoiro de baloncesto. Cada día nun barrio, onde dende as 17:00 ata as 20:00 h haberá zancudos do Circo Nove, percusión co Trópico de Grelos, actuacións e obradoiros. Todo un programa para nenos e maiores.

Os puntos de troco dos premios son: un con carácter permanente no Centro Sociocultural do Ensanche e un punto de troco en cada unha das zonas. Hai un total de 115 premios valorados en 2.500 euros e que foron todos eles adquiridos no comercio local.



Ligazóns

Descargas




Compartir: