Do mércores 21 de marzo de 2018 ata o venres 14 de decembro de 2018

Estado: Aberto

Proxectos comerciais colaborativos para o estímulo do pequeno comercio. Fainos chegar a túa idea!!

O prazo de inscrición amplíase ata o próximo 30 de abril ás 14h. 

É obxecto desta convocatoria a prestación dun servizo de consultaría aberta dirixido ao estímulo do pequeno comercio de Santiago de Compostela, coa asistencia dun/unha asesor/a e a partir das propostas expostas polos comercios e/ou asociacións participantes. 

Desenvolveranse un total de dez proxectos comerciais.

O labor de consultaría implicará escoitar as necesidades dos establecementos participantes, diagnosticar a súa situación, deseñar estratexias comerciais e de mercadotecnia efectivas e crear estratexias de colaboración entre establecementos e/ou asociacións con intereses compatibles.


Requisitos dos establecementos e/ou asociacións participantes

1. Poderán participar en Con B de Barrio as asociacións locais de comerciantes cuxo ámbito xeográfico de actuación sexa todo ou parte de Santiago de Compostela e todos os establecementos comerciais con sede de actividade no municipio de Santiago.

2. A candidatura de “proxecto comercial” presentada por comercios deberá vir integrada por un mínimo de tres establecementos. Entre os participantes poderán ter cabida ademais empresas de servizos, se ben os promotores principais sempre serán comerciantes.

Presentación de candidaturas. Prazo e requisitos

1. O prazo para presentar as correspondentes candidaturas rematará ás catorce horas (14.00) do día  30 de abril. 

2. A inscrición realizarase mediante o envío en  liña do formulario dispoñible na web do departamento de comercio, http://www.comercio.santiagodecompostela.gal.

O proxecto comercial deberá remitirse, dentro de prazo, en formato “pdf” ao seguinte enderezo de correo electrónico, comercio@santiagodecompostela.gal.

O proxecto deberá describir detalladamente en que consiste e indicar o número e datos dos establecementos participantes (razón social, nome comercial, CIF/NIF  e enderezo).

As candidaturas non serán admitidas se incumpren as condicións requiridas.

Selección dos proxectos comerciais

Entre as candidaturas presentadas seleccionaranse os dez proxectos comerciais nos que se traballará dentro do programa de apoio ao pequeno comercio Con B de Barrio, en atención aos seguintes criterios:  
- Grao de madurez da idea / proxecto
- Viabilidade técnica da idea /proxecto
- Número de establecementos participantes
- Características innovadoras da idea / proxecto
- Incidencia en ámbitos xeográficos onde non exista previamente unha asociación formal de comerciantes establecida.  

3. Elaborarase unha listaxe cos dez (10) proxectos comerciais seleccionados mais unha listaxe de agarda para o caso de baixa dalgún dos inicialmente seleccionados.

4. A selección comunicarase ao establecemento ou asociación promotora por correo electrónico unha vez rematado o prazo de inscrición.

5. A duración do servizo de consultoría estenderase dende a aprobación dos proxectos comerciais ata o 14 de decembro de 2018.

Descargas



Compartir: