Do venres 17 de marzo de 2017 ata o sábado 16 de decembro de 2017

Estado: Aberto

O departamento de Comercio do Concello de Santiago promove Con B de Barrio, un proxecto que busca apoiar, dinamizar e estimular o pequeno comercio de barrio. 
Esta convocatoria xorde co fin de fomentar proxectos de dinamización comercial nos que prime a cooperación entre establecementos comerciais da mesma ou de diferente actividade e así favorecer o asociacionismo, crear sinerxías e redes colaborativas de negocio, buscando beneficios compartidos derivados da confluencia de intereses.

Para acadar uns resultados acordes á visión anterior, proponse escoitar, recoller, transformar e canalizar as situacións problemáticas do comercio de barrio, traballando na súa supervivencia e mellora. A partir das necesidades concretas de quince comercios beneficiarios, crearanse 15 proxectos de dinamización comercial nos cales cada comercio será o centro ou nodo.

Prestarase, polo tanto, un servizo de consultoría aberta para o pequeno comercio de barrio mediante o cal un asesor ou asesora guiará cada establecemento beneficiario para mellorar a capacidade de captación e fidelización de clientes mediante estratexias comerciais e de mercadotecnia. O labor de consultoría implicará escoitar as necesidades dos comercios beneficiarios, diagnosticar a súa situación, deseñar estratexias comerciais e de mercadotecnia efectivas e crear estratexias de colaboración entre establecementos con intereses compatibles.

A duración do servizo de consultoría será dende a aprobación dos comercios beneficiarios ata o 16 de decembro de 2017.

Nº comercios beneficiarios/ proxectos de dinamización: 15 comercios

Funcionamento dos proxectos 
O asesoramento será presencial, telefónico e en liña. Existirá unha atención personalizada presencial de 35 horas nas dependencias de cada comercio beneficiario. O horario de reunións fixarase conxuntamente co comercio. Complementariamente haberá unha atención e disposición en liña e telefónica para consultas. 

Prazo e forma de presentación de candidaturas

O prazo para presentar as correspondentes candidaturas rematará ás 14:00 horas do día 3 de abril. Este prazo poderá prorrogarse en caso de que o número de candidaturas admitidas sexa inferior a quince.

A inscrición realizarase mediante o envío en  liña do formulario dispoñible na web do departamento de comercio, http://www.comercio.santiagodecompostela.gal. Á hora de formalizar a inscrición deberá facer constar no campo “observacións” unha carta de presentación do seu negocio, das súas principais carencias e fortalezas e dos motivos polos cales quere participar no programa “Con B de Barrio”. A exposición da carta de presentación  no campo “observacións” será requisito imprescindible para entender validamente realizada a inscrición e os motivos recollidos nela serán obxecto de consideración á hora da aceptación ou non da candidatura presentada como beneficiaria do proxecto.


Criterios e proceso de selección 
Poderán participar todos os establecementos comerciais de Santiago, a excepción daqueles comercios que participasen na I edición de “Con B de Barrio 2016” como comercio beneficiario principal.

Na selección das candidaturas presentadas atenderase á idoneidade do comercio para a participación no proxecto. Dita idoneidade analizarase a partir da información contida na carta de presentación do comercio candidato. A carta de presentación deberá conter a información indicada no punto III. 2 das presentes bases e que servirá ao departamento municipal de comercio para valorar o interese real do comercio candidato e o seu compromiso futuro de participación activa no mesmo, así como a súa necesidade de participación, por resultar unha ferramenta útil para garantir a súa supervivencia, consolidación ou mellora.

Nos casos de empate terán carácter preferente, por esta orde:

  • Comercios con superficie de venda inferior a150 metroscadrados.
  • Comercios localizados en áreas xeográficas onde non exista asociación de comerciantes representativa.
  • Comercios non asociados a ningunha asociación de comerciantes.

Descargas



Compartir: