17-10-2016 Os nosos comercios son froito dunha longa evolución ateigada de esforzo, creatividade e historias de vida. Como a propia Compostela, fóronse adaptando ás necesidades dos tempos, mudando para seguir sendo un piar da comunidade, para ofrecernos en cada momento os mellores produtos e servizos. As pegadas deses cambios son aínda visibles nas rúas, na feitura dos edificios, na aparencia de moitos establecementos ou nos elementos históricos que outros conservan. Son voces do pasado que soan con forza no noso presente, pois falan do que noutro tempo fomos e do que queremos ser, das nosas vivencias persoais e das nosas ilusións. Por esta razón, os establecementos comerciais constitúen unha representación de nós mesmos e da cidade. Os seus vellos mobles, rótulos vintage, aparellos antigos ou os saberes acumulados polos propietarios dan cor a unha paisaxe urbana e emocional que sen eles sería banal e impersoal. Signifícanse coma un emblema da cidade, un deses ingredientes que fan de Santiago un lugar único, feito con pedra e corazón.

A app "Desafío comercial SCQ"

Descubre a cara máis insólita do Santiago comercial. Somérxete entre as tendas. Pasea, visita e coñece as historias, experiencias e curiosidades presentes no día a día da nosa cidade.   Con este xogo de App, mergullaraste no pequeno comercio máis emblemático de Compostela desde unha perspectiva lúdica. Tentando atopar anécdotas e curiosidades que constitúen as pegadas que deixan na cidade e nas súas xentes, irás sumando puntos e insignias que che permitirán gañar numerosos premios.   

Desenvolvemento do xogo
:   O usuario terá que axudar a Rosa López Comunión, personaxe compostelán dos anos 20, a atopar o contexto, a historia ou a anécdota asociada a determinados obxectos atopados na súa casa. De onde saíron, onde se mercaron… Para iso o xogador terá que acadar o maior número de retos ou probas.   Conseguirás superar o desafío?  que descubrirá a cara máis insólita do Santiago comercial a partir do 10 de novembro.

Dentro de cada obxecto desenvólvese un conxunto de retos a superar, arredor de diferentes comercios e rúas da cidade, non só os emblemáticos. As 15 primeiras persoas que superen o desafío gañarán un reloxo intelixente e o resto, incluso se non conseguen superar todos os desafíos, pero si unha parte importante dos mesmos, poderán optar a outros premios. Entre eles, un paraugas automático en fibra de carbono e baterías externas de 2000 mAh, cable incluído, para recargar os móbiles en calquera momento e lugar.

Para recoller os agasallos, as persoas usuarias deberán poñerse en contacto co Departamento de Comercio do Concello de Santiago mediante o envío dun correo electrónico a comercio@santiagodecompostela.gal, para así acordar data e lugar de recollida. Para levar os agasallos será necesario amosar o código QR xerado pola aplicación dispoñible na sección "Agasallos" da mesma. Os regalos están suxeitos a dispoñibilidade e limitados a un por persoa.

Poderás gañar paraugas, baterías de móbil e ata reloxos intelixentes. Non deixes pasar a oportunidade!!

Poderán participar e recoller premios todas aquelas persoas maiores de 16 anos. Esta é unha aplicación que nace con carácter permanente e que se renovará anualmente con novos retos e novos comercios emblemáticos. A presente promoción estará vixente entre o 10 de novembro de o 10 de xaneiro de 2017. A partir desa data, colgaranse novas promocións con novos agasallos. 

Dispoñible en Google Play e App Store.



A Exposición "De tendas. O comercio, emblema dunha cidade"

Toda unha evolución do comercio local que marcou a historia e o tecido social e económico de Compostela, e que o Concello de Santiago quere dar a coñecer poñendo en marcha o novo programa “Comercio Emblemático de Santiago de Compostela”, o de sempre”, un recoñecemento a todos aqueles negocios da cidade cunha longa e especial traxectoria. 

Os comercios emblemáticos 2016, que foron escollidos pola Mesa Local de comercio, son: 

SOMBRERERÍA IGLESIAS En 1912, Celestino Iglesias —que aprendera o oficio de xastre en Madrid— abriu un pequeno negocio na rúa do Vilar. Ofreceríalle á clientela compostelá elegancia e distinción e, máis alá dos vaivéns da moda, calidade. Eses son aínda hoxe os principios que moven a terceira xeración da Sombreirería e que se conxugan no lema Un sombreiro é a diferenza entre roupa e levar traxe, entre vestido e ir vestido. Este é un establecemento con encanto, que nos fascina con esas caixas vermellas que agochan pezas feitas con sabedoría e cariño. De inverno ou verán, de pano ou palla, con feituras tradicionais ou tendencias contemporáneas, a Sombreirería viste de sempre a santiaguesas e santiagueses tanto na rutina diaria coma nos días de festa. É un comercio centenario, referente inescusable da rúa do Vilar sobre todo nestes tempos nos que un tras outro van desaparecendo os establecementos de carácter histórico.   

A GRILEIRA Naceu en 1987 como obradoiro de construción de gaitas e foi evolucionando ata ser o único establecemento galego especializado na venda de instrumentos tradicionais. Deste xeito, todos os instrumentos da nosa música teñen un lugar nos seus andeis. Aquí respírase sabedoría e paixón polos sons do país, como calquera que se achegue poderá comprobar e gozar. A Grileira é unha caixa de resonancia do esforzos dos moitos luthiers que, en toda Galicia, acompañaron a recuperación da nosa música e a súa posta en valor e preservación para as xeracións futuras. Sendo Compostela a capital do revival da música tradicional galega, este establecemento encarna en certo modo todo ese esforzo. O seu propietario, Mouriño, fabricou gaitas durante décadas, sendo un referente en todo o pais. Hoxe vende gaitas elaboradas por diferentes artesáns e tamén todo tipo de instrumentos relacionados coa música tradicional. Recolle tamén a herdanza e tradición dos artesáns asentados na cidade que noutros tempos se dedicaron a este oficio.   

SUCESORES DE BERNARDINO OTERO (Platería Augusto Otero, Bernardino Otero Joyería, Luis Otero) Falar de Compostela é falar de praterías, de pequenos obradoiros que durante xeracións produciron pezas fermosísimas inzadas de esforzo, mestría e xenio creador; de sagas nas que se herdan coñecementos, nas que o oficio se aprende ao mesmo tempo que as habilidades da vida. Unha desas familias é a dos Otero, sucesores daquel Bernardino Otero que abriu obradoiro propio en 1906 e a quen sucedeu, en 1923, seu fillo Augusto. Hoxe son tres ramas diferenciadas as que manteñen o oficio e a localización, na mesma praza das Praterías que acolle os ourives e prateiros desde o século XV. Desde as súas tendas ofrecen á cidade, e a quen a visita, pezas de indubidable beleza, esa que só dá o saber da tradición. O obxectivo neste caso é homenaxear ás familias que durante xeracións destacaron na práctica dun oficio, neste caso o traballo da prata e metais preciosos. Todos descenden de Bernardino Otero, que se formou cos mellores artistas do seu tempo e simboliza a idade dourada deste oficio no tránsito dos séculos XIX e XX.   

HELADERÍA LA IMPERIAL Néstor Prieto foi o primeiro en entender que un xeado na rúa é o mellor petisco nunha tarde de verán. Desde aquel afastado ano 1947, cando chegou desde Ourense, el e a súa familia son parte da paisaxe compostelá, cos seus carriños de xeado no verán, e as locomotoras que ofrecen castañas asadas no outono e inverno. Marcan o ritmo das estacións cunha oferta que se fundamenta nesa calidade nacida do traballo artesanal e da experiencia. Son eses sabores e momentos inesquecibles que forman parte das nosas lembranzas e do xeito en que vivimos e gozamos da nosa cidade. A familia Prieto é exemplo dun produto innovador que se consolidou ata ser un clásico compostelán, tanto no caso da venda de xeados -nas rúas- como da de castañas -con esas locomotoras hoxe típicas traídas por Nestor. Tamén gardan a memoria dos moitos postos e puntos de venda que antes había nas rúas e que ofrecían sobre todo produtos alimenticios.   

FERRETERÍA CRUZ O enorme mostrador deste establecemento ten, cando menos, 150 anos. Durante este tempo, na Sionlla, esta casa a carón da estrada da Coruña foi mesón e —desde os anos 40— a forxa e ferraxería de Andrés Cruz e dos seus sucesores, Jesús (fillo) e Jesús (neto). Hai tantos anos que os Cruz están aquí que pasaron de facer ferraxes para carros ou vender candís a servir pequenos aparellos ou pellets a unha nutrida clientela. Esta é a maxia deste negocio rural que conserva o sabor do antigo sen renunciar ao futuro, que ten unha clientela que vén de toda a provincia, atraída polo boca a boca. O seu segredo: coñecer o oficio, o produto e, como di Jesús, basearnos no prezo e no servizo. Este negocio conserva todo o sabor das antigas ferraxerías do rural galego e ao tempo é un exemplo de perseverancia, bo facer e actitude emprendedora.   

TINTORERÍA MODERNA A familia Otero, capitaneada hoxe por Carmela Vilas e polo seu fillo Pablo Otero, é de tradición tintureira e está no Ensanche desde 1957. Daquela, o negocio e nave dedicados á limpeza de roupas desde 1949 nas traseiras do Hórreo pasaron a ser a Tintorería Moderna, que foi medrando como a cidade. Respírase aquí ese característico aire húmido e doce que fala do vello oficio de darlles nova vida ás prendas máis queridas, algo que, aínda parecendo maxia, nace en realidade da profesionalidade e dos moitos coñecementos que aquí se gardan. Pero tamén do cariño e alegría cos que se traballa, albiscando o noso sorriso satisfeito ao poñeren esas prendas outra vez como novas. Foi un negocio pioneiro no Ensanche, estando rodeado de leiras cando se abriu en 1957. Toma o relevo dun emprendemento semellante aberto no mesmo emprazamento que en 1949. É exemplo de pervivencia e da antigüidade de moitos negocios do Ensanche.   

FARMACIA BESCANSA Poucos establecementos da nosa cidade conservan o seu aire antigo, ese aspecto que nos leva aos tempos da fundación dun negocio tradicional. A Farmacia Bescansa é un deles: a estrutura do local, a moblaxe, o teitume de madeira... Irremediablemente trasladámonos ao século XIX, aquel no que destacou o fundador da farmacia, o insigne Dr. Casares. Os Bescansa son boticarios desde hai moitas xeracións, sendo Ricardo Bescansa Castilla quen lle deu forma ao seu espírito innovador coa creación dos Laboratorios Bescansa en 1917. Antes e agora, serven os tratamentos estándar pero tamén moitas fórmulas maxistrais e diversas creacións propias, como a colonia Musgo de Compostela, o Xel Frío ou o MareosanA farmacia e o seu espazo comercial é un lugar senlleiro, non só por estar vinculada á memoria do Dr. Casares e do emprendedor Ricardo Bescansa -fitos na historia da cidade- senón tamén por ter sido quen de conservar os elementos antigos da moblaxe, pisos, teitos... mantívose a actividade comercial sen transformar substancialmente o local.   

LIBRARÍA PEDREIRA Hai 35 anos que Chus e Antón embarcáronse na aventura de abrir un espazo dedicado á cultura galega, unha libraría na que todo, o novo e o antigo, a palabra e o son xirasen arredor da nosa cultura. Naceu coma un proxecto arriscado e hoxe constitúe un símbolo non só do Barrio de San Pedro senón de Compostela. A Libraría reborda vida e agarimo e complicidade con quen a visita. Distínguese polo fondo afecto ás letras galegas, que se proxecta tamén por toda Galicia nos mil e un encontros literarios, feiras e iniciativas nos que colabora. Pedreira é de Santiago de sempre, pero, sen dúbida, tamén de todas as galegas e galegos. Na recuperación da lingua e cultura galega nos tempos contemporáneos a cidade de Santiago tivo un gran protagonismo. Foron algunhas das súas librarías -aquelas especializadas como Pedreira- os motores que visibilizaron e proxectaron este esforzo colectivo. A libraría Pedreira sitúase no contexto local e galego -a través da súa programación, da participación en feiras do libro, da implicación en mil e un proxectos de dinamización- nun lugar senlleiro. Isto ten especial mérito por canto está situada nun barrio e non nun espazo central da cidade.   

Estes 8 comercios son os protagonistas da exposición "De tendas. O comercio, emblema dunha cidade". 

Santiago de Compostela é un lugar singular que, máis alá de pedras monumentais, está cheo de vida e de homes e mulleres que cada día o constrúen. Son as súas experiencias e decisións as que, acumuladas ao longo de xeracións, dan á nosa cidade a súa excepcional personalidade. O comercio é unha parte fundacional desa Compostela que vemos e sentimos. As súas xentes e os seus establecementos acaríñannos e ofrécennos aquilo que precisamos e aquilo polo que devecemos. Nós compramos, ás veces sen nos decatar do risco que é cada aventura comercial, do saber que agocha un produto, da ilusión e coidado que merece. Día a día tendas e obradoiros participan das nosas emocións e experiencias e moldean esas rúas que amamos e habitamos. Algúns mesmo se converten nun símbolo da nosa cidade, e dos tempos e das persoas que vivimos nela, do pasado e do presente, e tamén do futuro que albiscamos. Sen establecementos especiais, esta cidade non sería tal, porque neles nos recoñecemos e en certo modo nos reflicten e falan de nós. Son de aquí de sempre, emblema e representación da nosa memoria, cidade e comunidade.

A exposición poderase visitar no Centro Abanca Obra Social na Praza de Cervantes (1º andar) desde o 13 de outubro ata o 4 de decembro, en horario de 11.30 h a 13.30 h e de 17 h a 21 h de luns a sábado e só en horario de tarde os domingos e festivos. 

Conta ademais da parte dedicada aos comercios emblemáticos, dunha sección artellada a partir do emprego de diferentes soportes expositivos e niveis de lectura: paneis explicativos, fotografías e pezas orixinais, que permite ao visitante unha aproximación cognoscitiva satisfactoria á evolución histórica do comercio en Santiago de Compostela.

Se non puideches ir vela no seu momento, non te preocupes!! Accede a nosa visita virtual e será como se houberas estado alí mesmo.....e se contas cunhas gafas VR a sensación será todavía maior.



Descargas



Compartir: